9 de set. de 2015

FRONTE Á “INTUICIÓN DA CONSELLERÍA”, DATOS OBXECTIVOS





A Consellería acaba de rexeitar de novo volver a impartir ESO e Bacharelato nas Mercedes, a pesar de ter en contra unha sentenza do TSXG que avala que a transformación de IES en Centro Integrado de FP fíxose en “ausencia da necesaria motivación”. O deputado do PP Agustín Baamonde, na comisión de educación, defendeu que este instituto é “un centro de referencia de FP a nivel provincial que vén confirmar a boa intuición da Consellería ao anticipar o futuro e convertilo en realidade con esta transformación”.
A Plataforma en defensa do IES AS MERCEDES e FAPACEL, fronte á “intuición da Consellería”, presenta datos obxectivos:
-        Datos públicos da Consellería de Educación (achegamos arquivo) a 3 de setembro, dos ciclos de FP con prazas dispoñibles: a demanda real dos ciclos formativos non xustifica a implantación de centros integrados en detrimento dos de secundaria que, recordemos, imparten ensino de carácter obrigatorio. O ciclo novo Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos  ten 4 prazas ocupadas, e o de Transporte e loxística é a distancia e non ocupa espazo físico.


-        Inexistencia actualmente dun Plan Galego de FP (o II Plan Galego de FP presentouse no 2008 e tiña vixencia de 4 anos) que analice os obxectivos e as necesidades na Formación Profesional e que estableza a curto prazo as medidas e as actuacións a desenvolver.

-        Inexistencia dun informe de necesidades educativas na cidade de Lugo no que se basease que se podían pechar dous institutos de ensino secundario en dous anos (IES Politécnico en 2011 e IES As Mercedes no 2013) aos que estaban adscritos os colexios de primaria da mesma zona sur. Pediuse por vía xudicial e non apareceu

-        O anuncio de que a Consellería de Educación vai ampliar o CEIP AS MERCEDES no próximo verán para, textualmente, “dar resposta á alta demanda de prazas escolares na zona sur de Lugo”, dános a razón no problema de escolarización nesta zona e que xa se notou este curso, onde por primeira vez o IES Sanxillao tivo que baremar, ao ter máis solicitudes que prazas en 1º de ESO, e os outros dous institutos aos que se derivou o alumnado cando pecharon o IES As Mercedes e o IES Politécnico, como son o IES Lucus Augusti e o IES Ollos Grandes, están masificados. Segundo o informe que presentou FAPACEL na Consellería de Educación o pasado 22 de xullo, relacionando os datos do padrón da cidade coas zonas de adscrición dos colexios, o problema para a escolarización na zona sur seguirá na ESO.

-        Execución actualmente dunha obra de preto de 6 millóns de euros no CIFP As Mercedes cando o proxecto anterior da Consellería era de 4, e cabían ESO, Bac e a mesma oferta de FP que agora se imparte.

Fronte á “intuición da Consellería”, datos obxectivos.
Unha vez que a Xunta recoñece que hai unha “alta demanda de prazas escolares na zona sur de Lugo”, e que ten datos de que en curto/medio prazo o problema vai estar en Secundaria,  esiximos que aproveite o investimento realizado e volva impartir ESO e Bac nas Mercedes, acatando a sentenza do TSXG que anula o decreto de transformación do IES AS Mercedes en Centro Integrado de FP.

Lugo, 8 de setembro de 2015

Nenhum comentário:

Postar um comentário